TRINTA E UNHA EXPLOTACIÓNS ACADAN A CERTIFICACIÓN DE BOAS PRACTICAS EN PRODUCIÓN DE CALIDADE DE LEITE



Un total de 31 explotacións, que producen en conxunto máis de dezaseis millóns de quilogramos de leite, veñen de obter a certificación emitida pola empresa CERTICAR S.L., que garante que estas explotacións cumpren coas boas prácticas en producción de calidade de leite. Trátase dunha certificación de carácter oficial, recoñecida a tódolos niveis.

O titular do programa de certificación é Servizos Gandeiros Centrais de Galicia, S.C.G., agrupación de gandeiros para os que ADSGestión S.C.G. realiza os traballos de aconsellamento no relativo á calidade do leite.

Logo dun proceso de case dous anos, nos que os técnicos de ADSGestión viñeron realizando ás explotacións gran cantidade de visitas e auditorías, das máis de 77 granxas que participan no programa de certificación, un total de 31 estaban en condicións de acadar a certificación. Por parte dos auditores externos de CERTICAR S.L., contrastáronse as actuacións mediante revisións documentais e auditorías de campo nas explotacións, que resultaron satisfactorias.

Esta certificación permite ós gandeiros non só acreditar a máxima calidade do leite que producen, senón que pode permitir o acceso a mellores prezos por parte das industrias, e incluso axudas directas por parte da administración.